Saturday 04 de May de 2024

José Manuel López Varela, investido alcalde do concello da Laracha


Afirmou que “volvo asumir con máxima ilusión e orgullo todos os retos cunha única promesa: seguir dando o mellor de min para continuar construíndo entre todos o mellor futuro para A Laracha”.

José Manuel López Varela foi investido alcalde do Concello da Laracha na sesión constitutiva da nova Corporación municipal tras ser votado por 12 dos 17 concelleiros que previamente tomaran posesión das súas actas de edís.
A mesa de idade estivo presidida por José Ramón Martínez Barbeito e Inés Ramos López exerceu como vogal.
José Manuel López Varela recibiu o bastón de mando asumindo de novo “o maior privilexio e tamén a maior responsabilidade que pode ter unha persoa nacida na Laracha, criada aquí e que elixiu este municipio como o lugar no que vivir e formar unha familia”. O rexedor agradeceu o “respaldo da cidadanía ás políticas que vimos desenvolvendo nos últimos anos” e asegurou estar preparado para “continuar a tarefa que me apaixona, que é a de servir ao Concello da Laracha co compromiso de ser alcalde de todos, sen máis guías que o ben común e o interese xeral.
López Varela desgranou “as liñas mestras do programa electoral co que nos presentamos ás eleccións e que basearán a acción de goberno”, que se centrarán en aspectos como “xerar as mellores condicións para favorecer a actividade económica, industrial e turística”, tamén en “reforzar a protección social e citou cuestións como os plans especiais de educación, os proxectos en materia medioambiental, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a programación e os equipamentos culturais e deportivos e a posta en valor do patrimonio histórico municipal.
Tamén “reivindicou o municipalismo e o Concello como a administración máis próxima á cidadanía e a máis directa”, engadindo que “nun mundo cada vez máis globalizado as entidades locais álzanse como un faro de esperanza, porque recoñecen que as solucións aos desafíos que afrontamos deben emanar do cercano”, sendo o modo no que “os Concellos favorecen a participación cidadá activa na toma de decisións e, por tanto, fortalecen a democracia desde a base.
Concluíu afirmado que “volvo asumir con máxima ilusión e orgullo todos os retos, e fágoo cunha única promesa: seguir dando o mellor de min para continuar construíndo entre todos o mellor futuro para A Laracha”.
No mandato 2023-2027 a Corporación municipal estará formada polos dezasete edís que hoxe recolleron a súa acta e os seguintes tres grupos municipais:
Partido Popular (PP):
• José Manuel López Varela.
• José Ramón Martínez Barbeito.
• Patricia María Bello Canedo.
• María del Rocío López Rey.
• Pablo Cambón Bértoa.
• José Alberto Blanco Veiga.
• María Almudena Martínez Pérez.
• Verónica Pérez Verdía.
• Juan Carlos Amado Collazo.
• Ana Belén Rodríguez Vilas.
• Manuel García Montes.
• Cristina Vieites Calvo.

Bloque Nacionalista Galego (BNG):
• Carolina Castiñeiras Brandón.
• Xosé María Cotelo Freire.
• David Antonio Bermúdez Lamas.

Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE (PSdeG-PSOE):
• Alba Dolores Toba Ferreiro.
• Inés Ramos López.